Enter the Rorschach: no quince aniversario de ‘The Matrix’

matrixdrop                    Neste 2014, oitavo ano da Grande Recesión e cuadraxésimoprimeiro da Grande Crise Urxente, haberá moitos aniversários e efemérides dignas de lembrar, unhas con ledicia e outras con vergoña, todas con retronostalxia. Nosoutros quixemos ollar nun que poderá ser algo banal para a leitora ben formada pero que resulta irresistíbel para os amantes do cinema, achamos. O presente curso conmemora o décimoquinto cumpreanos da estrea do filme dos irmáns  Wachowski, The Matrix. No marzal no 1999 o filme que retrata a epopeia do heroe Mr. Anderson/Neo no camiño da auto-liberación do mundo dos significantes e a loita contra as máquinas colonizadoras do planeta.

Por prudencia e pudor, non vamos analisar as dúas películas que seguiron a Matrix. Cadaquén que as valores coma mellor poida. Estamos máis por lembrar a sensación que tivemos ao salir do cinema, a iso da unha da mañá dun venres para sábado, de cómo queríamos falar pero non atopabamos as verbas axeitadas. Todo quedou nunha pregunta: “E a ti qué che pareceu?” Non acreditábamos! O que foi curioso foi que cada un de nosoutros tivo  a súa experiencia, vibrara máis con cada aspecto: o bullet time, o vestiario que facía do look sado-gótico, o bon kung fu e, qué carallo hai que dicilo, é que o noso mundo era unha total simulación! Nada do que vivamos era certo! Si, dacordo en que xanunca fomos moi espelidos, pero este pensamento non moi atinado se cadra foi unha semente para que, realmente, mudara a nosa forma de ver as cousas.

Non negaran que para ser un filme comercial son bastantes puntos ao seu favor.

(Dacordo, vamos facer unha valoración das dúas seguintes da triloxía; escarallaron o conto por operar no sentido contrario á primeira: trataron de dar respostas a preguntas tan dispares que, por forza, tiña que ser decepcionante. Tamén vale dicir que cando os cineastas metidos a filósofos corren o risco de perderse)

O conto foi que facíamos preguntas e cadaquén tiña as súas respostas: para uns era evidente que recén viramos unha adaptación do mito da caverna de Platón, outros falaban de que era un rollo mesiánico que si poderían mercar e para os máis metidos na peli, había que buscar a pílula vermella, coma fose, onde fora.

Obviamente, non fomos os únicos que debullaron mil e unha solucións ao que acababamos de ver na pantalla; aparentemente xentes de toda clase de formación intelectual tiñan a resposta discursiva axeitada para as aventuras,  a saber:

  1. Lacanians que xuraban que aquilo era unha explicación máis que acaída sobre o Imaxinario, o Simbólico e o Real.
  2. Amábeis proxermánicos relataban que, sen dúbida posíbel, era unha historia sobre o Capital reificado a tomar conta dos corpos e das mentes.
  3. O que deu paso a unha coorte foucaltiana a dicir que mellor nos valía pecharmos os ollos e desfrutar, pois a biopolítica/axente Smith estaba pronto “pra che fudé”.
  4. Algúns de máis alá xa non vían a face de Lawrence Fishburne , senón a de Baudrillard dando a benvida ao “Deserto do real“.
  5. Outros máis prosaicos só adiviñaron nos fotogramas unha reivindicación do sadomasoquismo, a rehabilitar unha superficial conciencia sincrética que renovaba “o Outro Amo” para dotar de significado ao castigo-xogo sexual.
  6. Un último grupo non expresou tanto a súa interpretación sobre o visto, máis ben acumulou as referencias culturais que funcionaban na pantalla: hinduismo, budismo, xudaísmo redentorista, a novela Valis, o anime Ghost in The Shell, socratismo daquela maneira e un cachiño de Alicia no País das Marabillas, outro de Vértixe de Hitchcock e unha débeda inmensa, de certo e de novo repetimos, con Phillip K. Dick. Este grupo é o noso favorito pois non cederon ao entusiasmo perante tremendo pastiche New Age.

Se un filmiño de “major studio” deu para tantas interpretacións de xentes de tan diversa formación e sustrato, de certo que funcionou coma un teste de Rorschach. Un mancha amorfa de tinta sobre unha triste cuartilla que dá para infinidade de interpretación, agás a correcta: que é só unha mancha de tinta e que ese método é… Bon,  nesta entrada non estamos para xulgar.

Co paso dos lustros fomos desbotando interpretacións sobre o filme. De vagar, comezamos a distinguir que alí tan só había un papel luxado con tinta. Os gags e a estética asociada ao filme, a reformulación sintáctica das secuencias de acción co bullet time, o sincretismo milenarista e a entrada nos dousmiles remataron co encantamento do filme para nosoutros pero deron paso á nosa própria lectura do teste de Rorschach.

A nosa verdade sobre este filme é que espalla a idea do post-paranoico: xa non é que haxa un “Outro” que faga que as cousas dean noxo ou que provoque a nosa sensación permanente de desprazamento e frustración (convén ver o retrato que do “Outro” fai Lynch en Mulholland Drive, por exemplo). É que hai un “Outro-tralo-Outro” que argalla un mundo imperfecto para reforzar ao primeiro “Outro”, unha entidade simbólica poderosa. Tanto que, se callar, por ela temos a linguaxe, a extraña voz que nos consitúe coma personas máis alá de sermos unha mera especie de humanos.

MorfeoBaudrillard_550A segunda idea que reforzou positivamente Matrix foi o desplego dramático de Simulacra et Simulation, de Jean Baudrillard –incluso chega a aparecer un exemplar deste libro nunha escea–  e atopamos nunha pasaxe de “As estratexias fatais” que case resumiría todo o filme, coma moi ben apuntou o profesor, divulgador e blogger Eugenio Sánchez Bravo no seu imprescidíbel espazo Aula de Filosofía.

“O falso non fai máis que intrigar o noso senso do verdadeiro; o máis falso co falso lévanos xalundes, feitiza sen apelación posíbel. No mundo real, o verdadeiro e o falso equilibran, e un gaña o que perde o outro. No movimento da sedución (pensemos tamén na obra de arte), é coma se o falso resplandecese con toda a forza do verdadeiro. É coma se a ilusión resplandecera con toda a forza da verdade.”

Cremos que despois de tres lustros, é unha bagaxe máis que notábel sobre cuestións fulcrais. Non é doado atopar rorschachfilmes maioritarios que eviten dar descursos da diferencia, a reivindicación identitaria ou unha exaltación interesada do aparentemente minoritario, nun movemento cen veces repetido de expander a linguaxe publicitaria naqueles eidos nos que é posíbel extender un degaro de integración. Comezou por volta dos sesenta, cando os publicistas entenderon que os restos da cadea de consumo só eran nichos para aumentar ventas, e así foron a por mulleres e rapaces novos con todo o que sabía. así extraíron a vida e proporcionaron, coa apariencia de verdade, unha narración tolleita e alleante. E foi xusto na fin desa centuria cando baixo toneladas de merchandising, sincretismo new age e reivindicación estética minoritaria, entrou unha reivindicación do “dereito á verdade” única, agresiva e necesaria. Coma San Paulo. Coma Lenin. Quén pensaría!

E vós qué? Azuis ou Vermellos?

Anuncios