O Diaño e o señor Caamaño ou todas as pelis de Polanski falan do mesmo

repulsion-2 Depois de pasar unha das semanas máis raras e intensas do ano, onte, co outono do 2013 entrando pola porta, varios de nosoutros tivemos un pequeno aceso místico. Bom, non tanto. Máis bem foi que coincidiron varias reflexións sobre feiticería, hábitos sociais contemporáneos e xusto nese intre, pasaron pola tele o filme “O pianista” de Roman Polanski.

“Ahá! –exclamaron os máis vellos da cova– isto é unha advertencia para que fagamos o traballo longamente posposto: a tarefa demostrar que todas as películas de Roman Polanski tratan do mesmo tema que non é outro que encontros de xente moi do común co Diaño, señor escuro, Luzbel, Satán, Belcebú, cohorte do Averno, etc etc etc”

Antes de seguirmos pola cochaina senda esotérica, quixeramos apuntar que o noso non vai de atopar pentáculos ocultos en fotogramas, nin de pasar ao revés diálogos de Rosemary’s baby nin nada diso. Tampouco é o noso saber se o señor Polanski é devoto do Anxo Portador da Luz ou se o é da Virxe María ou qué aconteceu coa señora Sharon Tate. Hoxe recuperamos aos historiadores da arte no sentido menos erudito e estético e máis filosófico. Intentaremos comparar filmes de Polanski e obras de arte, nomeadamente pintura medieval e proto moderna do norte de Europa e algo de cine e literatura, para ver se coinciden nunha categoría: o demoníaco.

A diferencia entre a filosofía da arte e a estética é sinxela: a filosofía da arte busca o sentido dunha ou varias obras dentro do discurso histórico no que están inscritos e cómo superan a proba do tempo. A estética da arte estuda as normas e modos da experiencia estética. A estética toma a arte coma a súa razón de ser. A filosofía da arte entende a obra ou obras coma unha ocasión para narrar.

Por esta razón exposta non vamos a buscar elementos que estén repetidos ao longo da filmografía de Roman Polanski, nin tampouco estruturas paralelas. Porque eso é estética. O que intentamos son buscar puntos de contacto co que o Bosco chamaba “mostrar facendo sentir”. Acreditamos que o señor Polanski quixo, entre outras cousas, facernos sentir diante do Diaño en diferentes peles, tempos e lugares. Tamén sospeitamos que a filmografía no conxunto é unha “teoloxía do Mal” na que é o ser humano común o que fica en fronte e é derrotado diante da tentación. Se fose unha “teoloxía do Ben”, o protagonista sería un asceta que “miraría sen ver” e ficaría avasalado polo peso da verdade pero permanecería invicto atopando o “indestruíbel dentro de si” ou salvación da súa alma eterna. Por exemplo, un san Antoniño do que temos moitas representacións pictóricas do baixo medievo neerlandés.

Pero se cadra as teoloxías dun e doutro non están tan distantes xa que o Mal é o céu estrelado do Ben. A bibliografía que consultamos é a de Enrico Castelli, máis obras xerais sobre pintura medieval do norte europeu (que puido xerar o pouso cultural que estoura coa II Guerra Mundial), un bocadiño do Fausto de Goethe, outro de Rafael Argullol e máis un pouco daquí e dacolá. A tese final que quixeramos deixar clara a vocés, amábeis e esforzados leitores, é que arredor dos filmes “maiores” de Polanski (e por maiores referímonos a aqueles que calquera poida conseguir fácilmente, máis nada) está a idea de que o medievo está aquí de novo e que está nova “idade escura” é o reverso necesario do proceso da Modernidade. Os escritores do terror gótico mantiveron que o desexo de coñecer, de emular a deus no saber da mecánica do mundo, podían abrir portas ao inferno.

Pois ben, abertas as portas para Europa na Segunda Guerra Mundial e resultando que o mundo físico no rematou, parece que Polanski explora os restos do naufraxio e que a nova terra é, de novo, un mundo no que o home xa non pode estar no centro da investigación e do pensamento. As teses pesimistas indican que só podemos subsanar os erros do home/muller e que o único perfeito, o deus novo, está nesa combinación de tecnoloxía, bioxenética, enxeñaría e medicina no que o ser humano liso pasa a ser un operário máis, unha excrecencia sistémica que debe acomodarse de novo a estar na presencia do noso señor do céu.

Polanski, coma un fermoso anxo caído, coma o anxo da historia do cadro de Palu Klee, olla cara atrás e esculca no demoníaco de nós e nas situacións que permitionj erguer outra vez a un deus sobre nosoutros.

Para non facer demasiado longa a entrada en cada post desglosaremos un filme. Comezaremos na vindeira entrega con con Repulsión (1965) con Catherine Deneuve, Ian Hendry e John Fraser.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s