Poesía é profecía: “El caso Pasolini: crónica de un asesinato”

pierpaHoxe choramos moito na cova dos caníbales: os osos de defunto que puxemos pró caldo eran de Pier Paolo Pasolini. Aínda que algúns quixeron deixalo aí mesmo e buscar outra cousa de xantar (qué sabemos nós, unha broa, un pouco queixo…) por maioría dentuda votouse que non, que nada de achantar. “A come-lo caldo”, que diría un dos capos dos señoritos e grande estratega do galego falado “para no molestar a nadie”.

Total, que viramos sentimentais e no fondo da cova, alí onde pensamos e non traballamos, onde acontecen a maxia e a relixión e as “pinturitas”,  repasamos todo o que alí había de PPP. Temos libros, case todos os filmes e a novela gráfica que construiu Gianluca Maconi  e que foi editada en 2010 por Gallo Nero. Unha xoia. Unha advertencia e ao tempo, un reflexo poético da propia vida do último intelectual europeo: xunto a reconstrución do funeral, dos testemuños que alí se deron, das últimas horas da vida de Pasolini, hai unha fermosa fábula sobre que supón ser intelectual. Unha definición, unha etiqueta forte nestes días de “¿y quién dice qué es esto o lo otro? ¿Quién lo decide?”. A fábula do príncipe entregado aos tigres famentos, do sacrificio total para salvar a vida dos propios verdugos, axústase moito ao que foi a vida e a morte de Pierpa.

Aos profetas non se lles entende ben cando propoñen versos. As súas verbas son coma unha raiola atravesando unha nube de pó: unha imaxe bonita pero de significación confusa, se a tivese. Cremos nosoutros que isto é debido a que non advirten ao presente sobre o futuro, senón que cada vaticinio é un tropezo do presente para explicar o pasado. Nunca se ven de cerca porque son tan grandes coma un calamar abisal.

Importa o que digamos nós sobre un xigante? Advertimos algo do que el xasempre entendeu? Da inutilidade intelectualoide de recitar nomes e parágrafos, dese vicio dos chamados “comunistas” romanos? Do poder da televisión para erradicármonos na normalidade e a normalización?  Pagou a pena o chumbo que comeron os que estaban antes ca nós ou cuspimos sobre eles ao entender que “todos son iguales” e “tienen derecho”?

Hai que dicir que non, que achantamos. Recomendamos mil veces o cómic por mil motivos: excelente debuxo en negro e branco, con trazos que gobernan á perfeción o dramatismo narrativo: difuso na noite, fulcral no enterro (os camposanto só existen a plena luz, contra o que coidaban os románticos) subtil na claridade do deseño, veraz na transcrición escrita da fonética da xente do común, a única que importa.

Si, todos estamos en perigo. Si, el viuno antes. Pero dicimos que achantamos porque non hai moito que roer: desque saiu o cómic arderon mil veces mil prazas en mil cidades pero nese lume lembramos uns versos de Pierpá: “Ninguén debería quere repetir o pasado / a non ser que coma poeta/ poida evocalo“. Arden e ninguén quere escoitar ao carón. Queiman e esvaen os días por vir e non hai chío do comunismo porque a restauración das esquerdas é todo un loureiro victorioso da burguesía rampante. Un “yo comprendo”. Ou “ya veremos”. Ou “lo que tenemos”. Na novela gráfica Pasolini entregase por propria vontade aos tigres que esmorecen. Paralelamente, detallase como foi a tunda que o matou, a saña dos de abaixo contra as ideas que sementou nos caletres e que, cada vez con maior frecuencia, retornaban: a alianza das clases poderosas polo imperialismo do non-acontecemento, o odio á historia, a enfermidade burguesa transnacional. O desprezo ás formas de vida. A idea de Pasolini é coma o mesma conciencia asasina de Raskólnikov: volve e rexuba e pode ser. Claro que pode ser.

E as imaxes e poemas de Pasolini, que detallan a falla desa idea bastarda, que proxectan o seu ascenso total e como xa non hai remedio para nós, pobres mutilados, condenados a respostas cortas e excluíntes, a A ou B ou C no proprio interese, á linguaxe das horas do día. Todo o que pasaba en “Saló” xa o sufrimos e seguimos aquí. E cómo?

Poesía é profecía é violencia. E todo o demáis, silencio.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s