Escusas falar de sentimentos

O do patriotismo, en calquera das súas formas, parece case seguro unha cuestión de sentimentos: por moito que un documento de plástico asegure que ti es español, español, español se ao veres unha “enseña rojigualda constitucional del 78” dache para pensar na culimaña de oligarcas  que administran esta franquicia ibérica dos USA se cadra tes un problema de nacionalismo. Pola contra, se apenas es capaz de falar o castellano sin imitar o “acento” –así, ao estilo dos tronistas de MHYV– de Madriz ou choras de felicidade cando 22 homes moi ben pagados conquistan torneos deportivos pero odias aos cataláns, ben podería ser que sexas un idiota. Tanto dá, aquí non estamos para xulgar a ninguén e coma ao final resulta que si somos os gardiáns do noso irmán pois é que a culpa é tanto miña coma túa.

É a miña falta por sobrevivir á década dos 90 –xa sabes, na que o comunismo foi un fracaso humano e económico e o nacionalismo o responsábel das violacións, mutilacións, desastres humanitarios– e non chamar por ti cando din conta de que aquilo fora una trola revertiana e que os únicos que non  teñen patria son os traficantes de personas. Cae sobre min a covardía de deixar aos vellos da casa a responsabilidade de que o noso idioma sobrevivise. Fun eu quen achantou cando “dios”, “bueno”, “cuchilo”, “parexa” e “jallejo” entraran con máis dereito nas conversas do que “faísca”, “tixola”, “alcume” ou “besbello”. Non busques a outro: aquí o estou. Eu tamén crin durante moito tempo que quen quixera prosperar tiña que traspasar o telón de grelos. Foi pola miña causa que as mesmas proles parasitarias atoparan un currunchiño en todas as bandas, nas dos señoritos que mantiñan o folclore abaneando e nas dos animais repoludos que quererían falar o inglés, o ruso, mailo francés, alén do “español” e un cachiño de jallejo mais que ao final só lles dá para o de sempre. Nin unha cousa nin outra.

Son eu o fachendoso, arrogante e exquisito, o que reivindicaba a “retranca” –coma quen agasalla á empanada ou festexa o lacón con grelos– coma un tropo literario “de lo más” e única forma posíbel de expresión nosa neste mundo multicultural ou globalisado, tolerante e posmoderno, cínico e impasíbel cando non é máis do que a constatación da impotencia. A sinatura da resignación e o retruque máis inútil. Eis a retranca, u-lo país?

É culpa miña que penses que a música é o único puro que nos resta, que acredites na fotografía ou na arquitectura coma artes liberadoras ou que aches a Historia ou a arte algo máis propio de mozas casadeiras á procura dun enxeñeiro. É o meu peso que atopases o “centro político”  o espacio vital axeitado ao teu descurso consciente.  En qué intre borracho pensamos que os que non teñen principios eran a chave das decisións? Por qué resultou que non ter ideas era o axeitado? Somos todos virollos para pensar que “los extremos son lo mismo”? A causa de qué podemos matinar que unha persona de Matalascañas pode decidir sobre a traída de auga de Coristanco ou que os habitantes de Cabana pasen de todos nós e abran unha mina de ouro con sorbete de cianuro?

Cómo son posíbeis estes datos?

Está na tradición italiana botar a culpa aos electores: Berlusca chamou “coglione” aos votantes que persisitían en ootorgar sufraxios á oposición, un dos capos desa alegada oposición parlamentar referiuse nos mesmos termos aos amantes da Italia festiva e afundida e por último, Beppe Grillo, o síntoma do peor-por-chegar, botou un responso cando lle chegou o primeiro revés eleitoral.

Eu non son así. Eu sei que non hai máis responsábel que quen escribe. Puiden mallar en ti, aínda que fose a traizón. Debería terche aldraxado máis á cara en troques de fabricar guetos en tabernas de merda. Ofrecerche unha man de hostias aínda que foses moito máis alto e forte ca min. Ou mellor aínda: anque foses máis esmincho do que eu. Puiden facer cartos cando estaba a tempo para que ollases na miña dirección coma miras a eses tipos: con amor e desexo.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s